|
Nove empresas galegas do sector TIC reciben a acreditación CMMI |
|
|
|
Mércores, 17 Xuño 2009 19:35 |
Nove empresas galegas do sector TIC reciben a acreditación CMMI, coa que só contan 2.500 empresas en todo o mundo
2 Mares, Aldaba, Altia, Bahia Software, Igalia, Imaxin|Software, Lambda Stream, Satdata, Shylex e as institucións CESGA e o IIT (Instituto de Investigacións Tecnolóxicas) da USC.
Galicia sitúase como referente internacional na calidade do software con este proxecto, cofinanciado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) como coordinador, e creado dentro da plataforma VINDEIRA da Consellería de Economía e Industria.
As nove entidades recibiron os diplomas acreditativos de mans de D. Ricardo Capilla, Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, nun acto que tivo o 17 de xuño na sede de Santiago da Fundación Caixa Galicia.
O obxectivo do modelo CMMI (Capability Maturity Model Integration), desenvolvido polo SEI (Enxeñaría do Software da Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos) é unificar os procesos de software mediante a aplicación de mellores prácticas e innovación no ámbito da enxeñaría do software. Deste xeito, créase unha linguaxe común entre as empresas que lles permita ser máis competitivas, desenvolver software de maneira conxunta e facilitar a procura de socios e clientes a nivel internacional, que esixen aos seus fornecedores ter implantados estes modelos para asegurar a calidade do servizo.
En palabras de Enrique de Miguel Ilarri, portavoz del grupo: O proxecto Vindeira: Excelencia Tecnolóxica é unha ambiciosa iniciativa cun grande impacto no sector TIC de Galicia, que busca favorecer a mellora da competitividade das empresas galegas co obxectivo de constituír un sector consolidado. Con este fin, orientamos os nosos esforzos á creación de produtos tecnolóxicos con vocación internacional, que está dando os seus froitos, para situar a industria TIC de Galicia como referente recoñecido a nivel europeo.
Este proxecto, iniciado no ano 2007, conta coa cofinanciación do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través do programa PROFIT e contou tamén coa colaboración da Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia a través da propia plataforma Vindeira.
Pola súa banda, a multinacional francesa con sede en España, Sopra PROFit S.A.U., partner de referencia do SEI -entidade encargada de desenvolver e manter a acreditación CMMI®-, foi a encargada do proceso de consultoría e acreditación do grupo de empresas galegas.
|