|
Vindeira participou na NEM Summit 2009 |
|
|
|
Luns, 28 Setembro 2009 17:01 |
A plataforma tecnolóxica galega do TIC, Vindeira, viaxou en Misión Internacional de Cooperación Tecnolóxica á Bretaña e participou na NEM Summit 2009, reunión anual da plataforma tecnolóxica europea de medios electrónicos en rede que se celebrou en Saint-Malo, Francia, durante os pasados días 28 a 30 de setembro deste ano.
O cume NEM, que este ano levou por título Cara á Internet dos Medios do Futuro, reuniu a representantes de Europa e do resto do mundo entre os que se atopaban grandes fabricantes e provedores de servizos, start-ups e Pemes, centros de investigación e institucións, así como asociacións empresariais e organismos de regulación e estandarización.
A delegación de Vindeira, formada por representantes de R, Quobis Networks, Level Telecom, Arteixo Telecom, Wireless Galicia, Gradiant, o Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC e os Grupos de Investigación Sistemas Intelixentes e Arquitectura de Computadores da USC, focalizó a súa participación no evento na proposta de proxectos para programas europeos e na procura de novos contactos para establecer cooperacións estables de carácter internacional.
Así mesmo, Vindeira visitou en Rennes os centros de I+D+i de Thomson, Orange, INRIA, CRITT, Loustic e o ETI do Pôle Images et Réseaux, especializados en áreas temáticas de interese para a plataforma como os servizos e aplicacións da imaxe, redes de nova xeración, realidade virtual e aumentada, e aplicacións para a saúde, máis concretamente telemonitorización e teleasistencia, co obxectivo de coñecer boas prácticas.
Durante esta Misión Internacional de Cooperación Tecnolóxica, asinouse ademais un acordo marco co Pôle Images et Réseaux, cluster de redes e imaxe da Bretaña e moi activo en proxectos europeos, formalizando así a colaboración xa existente entre ambas as organizacións.
Noticia sobre a sinatura do acordo marco co Pôle Images et Réseaux web na súa web
|