|
A CE publica unha guía para que se aproveiten mellor os fondos de I+D+i |
|
|
|
Martes, 16 Setembro 2008 20:26 |
A inxente cantidade de diñeiro que a Unión Europea destina a financiar os proxectos para I+D+i (só o VII Programa Marco conta cunha dotación de 50.000 millóns de euros entre 2007-2013) non está a ser aproveitada na súa totalidade polos países membros.
Por este motivo, a Comisión presentou unha guía para mellorar a utilización dos fondos comunitarios dedicados a esas tres áreas. 'As ferramentas de financiamento móstranse eficaces cando operan de forma individual, aínda que o seu valor pode reforzarse ao combinalas', apuntou un portavoz comunitario durante a presentación da guía.
O documento, que polo momento só está dispoñible en inglés, pódese consultar na páxina web (http://cordis.europa.eu/) e proporciona información fácil de manexar para combinar as diferentes fontes de financiamento que a Unión Europea pon a disposición de empresas, universidades e organismos de investigación, tanto públicas como privadas.
O estudo inclúe unha breve definición de cada fondo e táboas de avaliación que permiten aos potenciais beneficiarios identificar con rapidez o seu acceso ás axudas en cada etapa do proxecto.
En concreto, o documento propón unha proba de seis preguntas para que os interesados saiban con rapidez se cumpren os requisitos para optar a un programa de financiamento, se a súa área de investigación é compatible ou se poden solicitar unha axuda na rexión onde viven.
A guía é o resultado dunha comunicación adoptada por Bruxelas en agosto de 2007, denominada 'Rexións europeas competitivas a través da I+D+i', que instaba aos estados membros a utilizar de forma máis eficaz os instrumentos financeiros dispoñibles.
|