|
A Eurocámara aproba o regulamento do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía |
|
|
|
Mércores, 12 Marzo 2008 01:00 |
O Parlamento Europeo aprobou o regulamento do novo Instituto de Innovación e Tecnoloxía co que a Unión Europea pretende recuperar o terreo perdido nestas áreas fronte a Estados Unidos ou Xapón.
O novo ente, comparado nun primeiro momento co prestixioso Instituto de Tecnoloxías de Massachussets (MIT), será en realidade unha rede de centros de investigación xa existentes.
Contará cun consello de administración -a Comisión Europea xa estableceu un comité que debe elixir aos seus 18 primeiros membros- que deberán seleccionar "comunidades" de universidades, centros de investigación e empresas dedicadas a un área determinada de traballo.
Estas "Comunidades de coñecemento e innovación" deberán incluír un mínimo de tres entidades, radicadas en polo menos dous Estados membros da UE e entre os que haberá polo menos unha institución de educación superior e unha empresa privada.
O regulamento atribúelles unha "autonomía substancial xeneral para definir a súa organización interna e na súa composición, así como na súa orde do día e os seus métodos de traballo precisos". Tamén deberán ter un alto grao de autonomía desde o punto de vista financeiro.
2.400 MILLóNS DE EUROS ATA 2013
O custo estimado do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía ata 2013 ascende a 2.400 millóns de euros, pero os orzamentos comunitarios só lle asignan 308,7 millóns durante este período.
O resto deberá provir das empresas ou as entidades de investigación públicas participantes, aínda que unhas e outras poderán optar aos fondos do VII Programa Marco de Investigación e Ciencia da UE, dotado con 50.521 millóns para o período 2007-2013.
A posta en marcha da nova rede de investigación será progresiva. Durante o primeiro ano e medio de traballo, o consello de administración seleccionará dúas ou tres comunidades e asignaralles tarefas relacionadas con retos actuais como o cambio climático, a enerxía ou as tecnoloxías de comunicación e a información.
Antes de 2011, o Instituto deberá contar coa súa propia "Axenda de innovación estratéxica" con obxectivos a longo prazo e unha estimación das súas necesidades financeiras a sete anos vista.
A axenda deberá ser aprobada polo Parlamento e o Consello da UE -Estados membros- a proposta da Comisión Europea.
Por outra banda, os xefes de Estado e de Goberno da UE aínda deben decidir a sede do consello de administración do Instituto. Durante a tramitación no Parlamento Europeo, varios deputados suxeriron Budapest, Múnic (Alemaña) ou Breslavia (Polonia).
Ler noticia na web
|