This content is not available in English.
A Consellería de Innovación e Industria presentou o novo Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento, e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 o martes 19 de decembro en Santiago.
Este Plan, dotado cun orzamento superior aos 800 millóns de euros, guiará a política en materia de investigación, desenvolvemento e innovación da Xunta de Galicia para o vindeiro quinquenio. Conseguir o liderato do sector empresarial no esforzo investigador e potenciar o investimento en recursos humanos son as prioridades.
O novo Plan Galego de I+D+I nace coa finalidade de impulsar o crecemento económico e social de Galiza mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica, de facilitar a participación das empresas no proceso de innovación e de achegar os beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega. As súas metas prioritarias son conseguir o liderato do sector empresarial no esforzo investigador e potenciar o investimento en recursos humanos.
Como indicadores principais da política científica e tecnolóxica de Galiza para o periodo 2006-2010 o Plan sitúa acadar o 1,5% de investimento en I+D sobre o Produto Interior Bruto (PIB) e que o esforzo empresarial constitúa o 50% deste gasto. Para logralo, o Plan conta cun orzamento superior aos 800 millóns de euros que se repartirán entre os tres principais programas nos que se estrutura: programas Horizontais, Xerais e Sectoriais.
Definir a carreira investigadora Os Programas Horizontais constitúen os eixos centrais de actuación do Plan Galego de I+D+i. Estes programas contarán cunha dotación de arredor de 240 millóns de euros (o 30% do presuposto) e divídense en tres subprogramas fundamentais: Recursos Humanos, Articulación do Sistema Galego de Investigación e Innovación e Comunicación e Sensibilización Social.
O Programa de Recursos Humanos é unha das prioridades do Plan e ten como obxectivo definir unha carreira científica que posibilite a formación e a consolidación dos investigadores e a súa integración estable dentro do Sistema Galego de I+D+i. Unha das principais novidades do Plan é que define, por vez primeira, a carreira investigadora en todas as súas etapas. Deste xeito, define un itinerario lineal dende a formación dos investigadores até a súa consolidación no sistema dotando de instrumentos de axuda para cada unha das etapas. O orzamento estimado en recursos humanos ascende a 176 millóns de euros e un dos obxectivos primordiais deste programa será a incorporación de investigadores ao sector privado, reforzando os vínculos e o intercambio de experiencias entre as universidades e as empresas. Todo elo nun contexto que potencie a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
A Articulación do Sistema Galego de Investigación e Innovación, cun orzamento de 56 millóns de euros, busca acadar a vertebración global do sistema galego de I+D+i que permita o desenvolvemento de todo o seu potencial. Para favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía e acadar esta axeitada articulación do Sistema de Investigación e Innovación fanse necesarias estruturas de mediación entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas. Por este motivo, o Plan Galego de I+D+I propón redefinir a rede de centros tecnolóxicos, así como crear a rede de organismos de interface e o sistema de coordinación entre ambos axentes.
A creación de novos centros tecnolóxicos, a constitución de plataformas tecnolóxicas nos sectores estratéxicos para Galiza, así como a creación de verdadeiros Parques Científicos e Tecnolóxicos son outros dos retos deste programa. Os proxectos que xurdan das plataformas e centros tecnóloxicos galegos son os que baixo o principio de excelencia deben de absorber os 360 millons de euros do fondo tecnóloxico que a Unión Europea destinou a I+D+I para Galiza e que debe liderar o tecido empresarial.
Pola súa banda, o Programa de Comunicación e Sensibilización Social, que disporá de oito millóns de euros, fomentará unha cultura de coñecemento da ciencia e da tecnoloxía entre o conxunto da sociedade galega.
Investigación pública
Outro eixe que vertebra o Plan son os Programas Xerais, destinados a promover a actividade investigadora do Sistema Público de I+D+i. Contan cun orzamento de 120 millóns de euros (o 15% do presuposto) a repartir entre os seus tres instrumentos fundamentais: Promoción Xeral da Investigación, Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas e o Programa Resultado-Valor.
O obxectivo fundamental da Promoción Xeral da Investigación, dotado con 56 millons de presuposto, é dar soporte aos aspectos básicos e xerais da actividade de I+D e da produción científica como elemento esencial no proceso de xeración de novo coñecemento. Para acadar a consolidación e a especialización das unidades de investigación e a articulación dos servizos de apoio figura o Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas, con 40 millóns de euros de orzamento.
Os 16 millóns de euros restantes dos Programas Xerais van destinados ao Programa Resultado-Valor que promoverá a posta en valor das capacidades e resultados da investigación pública, co obxectivo de potenciar o seu impacto, a súa rendibilidade e unha óptima transferencia social e económica.
Innovación empresarial
Pola súa banda, os Programas Sectoriais contan cun presuposto de 240 millóns de euros (o 30% do presuposto) para favorecer a investigación aplicada que poida ser transferible aos principais sectores da economía galega, así como as actividades de investigación e innovación tecnolóxica realizadas por empresas galegas. Os Programas Sectoriais divídense en cinco instrumentos fundamentais: o Programa de Tecnoloxías Críticas Transversais, que conta con 40 millóns de euros para a posta en marcha de novas capacidades necesarias non só para o desenvolvemento futuro do sistema de innovación en Galiza, senón tamén para a súa diversificación produtiva; o programa Peme: I+D, dotado con 96 millóns de euros para continuar co apoio e dinamización do proceso innovador e de I+D nas pequenas e medianas empresas, e o Programa I+D Suma, cun presuposto de 104 millóns de euros destinados aos proxectos de máis impacto desenvolvidos por diversos axentes do sistema.
Os Programas Sectoriais complétanse con outros dous instrumentos fundamentais: o Programa de Innovación Empresarial e o Programa de Proxección Exterior do Sistema Galego de Innovación. Cómpre destacar a importancia do Programa de Innovación Empresarial, que permite pechar o ciclo innovador e que os resultados da I+D cheguen ao mercado en forma de novos produtos ou procesos. O presuposto asignado a este programa ascende a 200 millóns de euros (o 25% do presuposto total). O Programa de Innovación Empresarial contempla actuacións de sistematización da innovación, apoio financieiro e empredemento.
Finalmente, o Plan pon en marcha un programa de proxección exterior do Sistema Galego de Innovación, unha iniciativa que tén por finalidade mellorar a presenza da ciencia e da tecnoloxía galegas na esfera estatal e internacional.
|